A corredoira que entra no lugar. As pólas pecharon por riba ata formar un túnel.
Hai dúas maneiras de que morra unha aldea. A primeira é a lenta, a de sempre: vanse os fillos, quedan os vellos, un día pecha a última porta. A segunda é administrativa e cabe nunha sinatura. A Vilarcovo tocoulle a segunda.
Está na parroquia de Brandoñas, no concello de Zas, sobre a marxe do Xallas. Os veciños chamábanlle Vilarcobo, con b, e así se segue a dicir. Hoxe non vive ninguén nela e cómpre saber que estivo alí para entender o que se ve, porque o que hai é un bosque e, dentro do bosque, muros.
En outono o lugar ten unha calidade rara. Todo son loureiros, carballos e hedra, a luz chega filtrada e verde mesmo ao mediodía, e o chan desaparece baixo unha capa de follas que amortece os pasos. Non é un sitio triste. É un sitio que está a outra cousa.
As casas
A rúa, entre dúas ringleiras de casas. Os troncos de hedra que soben polos muros teñen o grosor dun brazo.
As casas están aí, moitas delas enteiras ata a altura do lintel. Non caeron: foron soltando primeiro a cuberta, despois os sobrados, e quedaron en pé coma caixas abertas ao ceo. A cachotería de xisto aguanta ben e a hedra, que parece destruílas, en boa medida estáas a suxeitar.
Dentro dunha das casas. A árbore naceu na propia estancia e xa se bifurca á altura da cabeza.
Esta fotografía di a idade do abandono mellor ca calquera documento. Unha árbore non medra así dentro dunha casa en dez anos nin en vinte.
Un hastial completo, cos seus vans. O arboredo pechouse por riba do que era o tellado.
O que quedou dentro
O cabazo, derrubado. Entre as fiadas de lousa aínda se recoñece a pedra de gran traballada.
O pozo. Unha laxe grande quedou desprazada contra o muro, e as raíces están a abrilo pola xunta.
Unha pota de ferro, boca abaixo. O musgo colonizou o fondo e agora medra nela.
Isto é o que máis impresiona de Vilarcovo: que as cousas sigan aí. Por que quedaron, non o sabemos.
O chan en outubro. A follaxe iguala o terreo e agocha o que haxa debaixo.
A auga que non chegou
O encoro da Fervenza co nivel baixo. Cando a auga recúa, o Xallas volve ao seu leito de sempre e o val de antes faise visible outra vez.
Entre 1956 e 1966 expropiáronse e ocupáronse as beiras do Xallas para construír o encoro da Fervenza, obra da empresa Carburos Metálicos. Boa parte das leiras pasaron a propiedade pública1. O encoro, rematado en 1965, asolagou arredor de 1.250 hectáreas nos concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas, e na parroquia de Brandoñas varios lugares quedaron directamente baixo a auga2.
Vilarcovo non foi un deles, e esa é a clave. O lugar está por riba da cota de inundación, que se proxectara nos 285 metros3, así que as casas nunca se mollaron. O que desapareceu non foron as casas: foron as terras. Unha aldea é a súa xente, pero tamén son as leiras do fondo do val, as que teñen a terra boa e a auga preto. Cando esas pasan a ser o fondo dun encoro, o que queda arriba xa non dá vivido, e as casas, que seguen perfectamente en pé, sobran.
Por iso Vilarcovo non figura nas listas de lugares asolagados, onde si están Castrarón, Ribeira de Riba, Ribeira de Baixo, O Niñán, Pazos, Os Vaos e A Pesqueira, con entre un e dezasete veciños cada un4. Son dúas mortes distintas coa mesma causa. Dos asolagados non queda nada, nin as pedras. De Vilarcovo queda todo, e quizais iso sexa máis estraño.
A comparación das fotografías aéreas do voo americano de 1956 e 1957 co estado actual amosa ben a diferenza: debaixo da lámina de auga hai un val enteiro5.
Non vou dicir por onde se entra. Non é un sitio para ir, é un sitio que está. E resiste mellor sen visitas.
Bibliografía
- Fotografía aérea do voo americano, Serie B (1956-1957), Centro Cartográfico y Fotográfico del Ejército del Aire / Instituto Geográfico Nacional.
- GORGOSO LÓPEZ, Lino e VIGO GARCÍA, Abel, Brandomil. Vila soterrada, Zas, Fundación Brandomil, 2024.
- «O 50 aniversario do Encoro da Fervenza», serie O Modesto Patrimonio, en Que pasa na Costa, 4 de marzo de 2017.
- Nomenclátor de Galicia, Xunta de Galicia, entrada «Vilarcovo» (parroquia de Brandoñas, concello de Zas).
- Concello de Zas, ficha da parroquia de Brandoñas.
Footnotes
-
GORGOSO LÓPEZ, Lino e VIGO GARCÍA, Abel, Brandomil. Vila soterrada, Zas, Fundación Brandomil, 2024, p. 40: «as mudanzas na paisaxe volveron a afectar ó seu trazado entre 1956 e 1966, coas expropiacións e ocupación das beiras do Río Xallas co motivo da construción do Encoro de Fervenza, efectuado pola empresa Carburos Metálicos». ↩
-
Concello de Zas, ficha da parroquia de Brandoñas, que recolle que o encoro «anegó una buena parte de sus tierras» e que varios dos seus lugares quedaron baixo a auga coa construción, datada en 1965. ↩
-
A concesión outorgouse o 22 de outubro de 1958 por noventa e nove anos. A presa proxectouse con 127 metros de lonxitude e 26 de altura, e o nivel máximo nos 285 metros sobre o nivel do mar. «O 50 aniversario do Encoro da Fervenza», Que pasa na Costa, 4 de marzo de 2017. ↩
-
Ibídem. A relación de veciños que tiveron que marchar de cada lugar é a seguinte: Castrarón 9, Ribeira de Riba 9, Ribeira de Baixo 4, O Niñán 16, Pazos 17, Os Vaos 2 e A Pesqueira 1. A parroquia máis afectada foi a dos Vaos, en Mazaricos. Do Niñán escríbese que «non quedan nin pedras das casas». ↩
-
O voo fotogramétrico realizado entre 1956 e 1957 é a cobertura aérea máis antiga de todo o territorio e permite ver o fondo do val antes do encoro. ↩