O val da Gándara en outono.
Hai lugares en Galicia que non teñen que esforzarse en parecer antigos. O val polo que discorre a Ruta da Auga de Zas é un deles: un corredor verde e húmido onde o río marca o camiño dende sempre, os muíños esmorecen entre a hedra e os carballos creceron sen que ninguén llelos pedise. Todo está no seu sitio porque, sinxelamente, ninguén o moveu.
A ruta, sinalizada como PR-G 250, percorre arredor de dez quilómetros polo concello de Zas, na comarca de Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte. Non é unha ruta espectacular no sentido alpino. É outra cousa: un paseo polo uso secular da auga, polos rastros que deixa un sistema de vida que durou cincocentos anos e desapareceu nun par de décadas.
Zas e Terra de Soneira
O concello de Zas sitúase no interior da Costa da Morte, a uns cincuenta quilómetros de Santiago de Compostela. O territorio é ondulado e verde, con pequenas elevacións que pechan vales estreitos polos que baixan afluentes do Xallas. A capital municipal é Santa Mariña de Zas, mais o concello esténdese en máis de trinta parroquias diseminadas polo terreo.
A comarca de Terra de Soneira, da que Zas forma parte, é un dos territorios máis descoñecidos da provincia da Coruña, a pesar de atoparse entre a Ruta do Camiño de Santiago pola costa e os concellos do Barbanza. Esa falta de presenza nos circuítos habituais é, en boa medida, o que a conserva.
O punto de partida habitual da ruta é a Ponte do Sisto, na estrada entre A Piolla e Zas, na parroquia de A Gándara.
A auga e os seus usos
O río xusto á beira dos muíños situados por riba da Fervenza de Budián.
A auga non foi aquí un recurso nin un paisaxe. Foi a infraestrutura. O Catastro do Marqués de la Ensenada (1753) rexistra dezasete muíños neste val, o que dá idea da densidade do aproveitamento hidráulico da zona. Cada muíño precisaba a súa presa, a súa canle, o seu rodicio; cada un estaba calculado para aproveitar un determinado desnivel, de xeito que a distancia entre eles non era arbitraria senón que respondía á topografía do leito.
A moenda non era un acto individual. Había quendas, acordos entre familias veciñas, dereitos transmitidos oralmente de xeración en xeración. Ir ao muíño era tamén encontrarse, falar, pasar o tempo agardando. Nese sentido, o muíño era tan lugar de produción como de sociabilidade.
Bosque de ribeira no tramo medio. Os ameneiros e salgueiros, especies características da vexetación fluvial galega, sinalan o curso da auga con máis fidelidade que calquera mapa.
Ao longo do percorrido aínda son visibles os restos das presas e das canles que desviaban a auga cara ás moas: pequenas obras de enxeñería popular integradas na pedra, hoxe medio agochadas baixo o musgo e os fentos. Cómpre ir despacio e mirar ben para dalas visto.
Os muíños
Muíño situado xusto por riba da Fervenza de Budián. A hedra medrou polas xuntas en poucos anos.
A chegada da fariña industrial a mediados do século XX foi a sentenza. En menos dunha xeración, estruturas que levaban cincocentos ou seiscentos anos en funcionamento ficaron baleiras e sen uso. A natureza non tardou en reclamalas: a hedra e as silveiras tomaron as xuntas dos muros, os carballos racharonos lentamente coas raíces, as cubertas cederon co peso da auga e dos anos.
O que queda son ruínas fermosas e íntimas, do tipo que non se atopa nos libros de arte pero que di máis sobre como viviu a xente ca moitos monumentos restaurados. Os muros de granito resisten ben: a pedra da Costa da Morte é dura e densa, e aguanta o tempo de xeito digno.
Porta dunha das cámaras de moenda. Xambas escuadradas, lintel dun só bloque: o canteiro que fixo isto sabía o que facía.
Nalgúns muíños consérvase a maquinaria no seu interior: a moa, o fixe, o rodicio, a canal de entrada. Noutros só queda o espazo baleiro e a luz que entra polas xanelas sen marco.
Desde dentro dun dos muíños. O bosque ocupou o espazo en poucos anos.
O río pasa ao pé das ruínas. Nalgúns puntos a corrente socavou os cimentos.
Tramo con varios muíños seguidos. A distancia entre eles non é casual: está calculada para aproveitar o desnivel do leito.
As fervenzas
A ruta conta con tres fervenzas: Budián, Parga e Rabiñoso. Están no tramo medio-alto do percorrido, onde o río gana pendente e os bosques se pechan. Ás fotos de Budián e Rabiñoso engadirémolas máis adiante; as que seguen son da Fervenza de Parga.
Inicio dos saltos no tramo da Fervenza de Parga. A vexetación é tan densa que case impide ver a auga ata estar xusto enriba dela.
A Fervenza de Parga en primavera, cando o caudal é máis alto e todo está verde ata o límite do posible.
A Fervenza de Parga. A caída principal, fotografada desde a beira.
A Fervenza de Parga de fronte. A auga esténdese en láminas delgadas sobre o granito. A pedra é plana e gris, sen fisuras; o efecto é case artificial.
A Fervenza de Parga entre os troncos. O musgo cobre a madeira ata grande altura; nas ramas máis altas xa medra lique.
O percorrido
A ruta está sinalizada como PR-G 250 e pode facerse nun só día con calma. O desnivel é moderado; o firme alterna pistas de terra, corredoiras e algún tramo asfaltado. A duración habitual é de dúas horas e media a tres, sen contar paradas nin voltas para mirar.
O mellor é saír cedo, cando a luz entra obliicua polo bosque e os regatos soan máis. Cómpre levar botas: o terreo é brando e os tramos á beira do río son resvaladizos, especialmente no inverno. O caudal é máis alto en inverno e primavera, que é cando as fervenzas teñen máis carácter; no verán o río baixa considerablemente.
Nas proximidades atópanse outros lugares de interese: o Pazo Torres de Allo, do século XV, e a Ponte de Brandomil, do XVII, sobre o río Xallas.
Para rematar
Zas non está nos circuítos habituais. Esta ruta é un recordatorio de que a paisaxe galega non é un decorado, senón o resultado acumulado de séculos de traballo, adaptación e pedra posta sobre pedra.
A auga segue correndo. Os muíños xa non moen. Pero as pedras quedan.