A Ponte Vella sobre o Xallas. Ao fondo, o viaduto de formigón que a substituíu a mediados do século XX.
Cando comecei a ordenar as notas e as fotografías que fun xuntando sobre Brandomil, a miña intención era escribir unha recensión do libro que a Fundación Brandomil publicou en 2024 co título de Brandomil. Vila soterrada1. Non tardei moito en decatarme de que ese formato non lle facía xustiza. Trátase dunha obra arqueolóxica seria e, a día de hoxe, a referencia imprescindible sobre o xacemento: o catálogo de materiais, a tipoloxía das terra sigillata e a secuencia das unidades estratigráficas ocupan nela o espazo que deben ocupar, porque é aí onde se sostén todo o demais. Unha recensión obrigaríame a percorrer ese mesmo camiño, e o que eu quería facer era outra cousa.
O que segue é, daquela, unha historia de Brandomil construída arredor de tres elementos que son, ao meu xuízo, o mellor fío para quen chega de novo ao lugar: a ponte, as minas e a vía. Os tres son anteriores á aldea actual, os tres explícanse mutuamente e os tres seguen aí, visibles ou case, para quen os queira mirar. O libro citado é a base documental principal deste traballo (e a máis completa que existe), pero non a única: engadín o que se publicou despois da súa saída, que non é pouco, e algunhas precisións cronolóxicas que me pareceron necesarias.
Unha precisión de vocabulario antes de empezar. Falar aquí de «aldea soterrada» sería cómodo, pero sería tamén unha etiqueta miña. Os veciños de máis idade de Brandomil sabían perfectamente que baixo os seus pés había outro mundo, e tiñan un nome propio para el: chamábanlle «o Brandomil afundido». A crenza non era que as casas romanas se arruinaran e se foran cubrindo de terra co paso dos séculos, senón que algunha forza descoñecida do pasado as afundira por debaixo dela; e o saber popular resolveu que «algo malo farían» para merecer semellante castigo de «asolagamento»2. En catro palabras, unha teoría estratigráfica e unha teoría moral ao mesmo tempo. É ese Brandomil, o afundido, o que se intenta describir no que segue.
As fotografías que acompañan o texto tomeinas con dron entre o 4 e o 11 de outubro de 2026.
O lugar e o problema
Brandomil é hoxe unha aldea da parroquia de San Pedro de Brandomil, no concello de Zas, comarca de Terra de Soneira. Está no interior da Costa da Morte, nun meandro do río Xallas, aproximadamente a medio camiño entre Santiago e o mar de Fisterra. A súa posición non é casual: é, desde sempre, un punto de paso obrigado. O Xallas corre encaixado durante boa parte do seu percorrido e Brandomil ocupa un dos poucos lugares onde o val se abre o suficiente para vadealo con comodidade.
A aldea actual. Baixo as casas, as hortas e os prados estímase hoxe unha extensión de preto de vinte hectáreas de restos romanos.
O problema histórico de Brandomil formulouse moito antes de que ninguén escavase nada, e formulouse mal: durante máis de douscentos anos discutiuse se este era ou non o lugar dunha mansio citada polas fontes clásicas, antes de preguntarse que había realmente debaixo. A vinculación entre a mansio de Grandimiro e Brandomil aparece xa nun dicionario latino-francés de 1721, obra de Nicolas Magniez, onde se le, sen máis explicación, «Glandomirum, i. n. Eccl. Brandomil en Galice»3. En 1732, o relixioso Jerónimo Contador de Argote recolle en portugués a identificación de Brandomil coa cidade Claudiomerio de Ptolomeo, aínda que para rexeitala por razóns de distancia4.
O debate entra na erudición española coa man de José Cornide Saavedra, que en 1795 cita Brandomil como mansio viaria do Itinerario de Antonino, e de Lucas Labrada, que en 1804 describe o asentamento como mansio romana na súa Descripción económica del Reyno de Galicia5. No século XIX a aldea convértese nun lugar común da historiografía galega: aparece en Murguía, inspira a Pondal (que personaliza o topónimo no «heroe celta Brandomil», loitador contra o dominio romano) e recibe a atención do cóengo Antonio López Ferreiro, quen nun estudo pioneiro sobre as vías romanas de 1898 sitúa aquí a mansio Grandimiro do item per loca maritima6.
A razón desa insistencia era moi simple e está ben documentada. En 1883, o xornalista e investigador Pedro Rodríguez y Rodríguez publicaba na revista Galicia Diplomática unha descrición do lugar que convén ler enteira:
«En estas y á cada paso, y sin profundizar más que lo necesario á las diversas operaciones de cultivo, descubre el hierro agricultor ladrillos de grandes dimensiones, trozos de columnas, capiteles rotos y otra multitud de piezas labradas. Encuéntranse también paredes formadas solo de ladrillo argamasado. No hay más que examinar los cobertizos ó alpendres que los labradores suelen en estas comarcas construir á la entrada de sus viviendas, para encontrarse con corpulentas columnas de granito finamente cinceladas, con sus capiteles de orden conocidamente romano»7.
Non facía falta escavar. O xacemento saía só, cada ano, coa reixa do arado. Dese mesmo ano é a xestión de Ramón Barros Sibelo (que residira como administrador no próximo pazo das Torres de Romelle entre 1872 e 1880, o mesmo pazo que usara Domingo Fontán como base para a súa cartografía) ante a Real Academia da Historia para que esta adquirise dúas moedas antigas, unha romana e outra visigoda, atopadas «cerca de las antiguas minas romanas de Limideiro, en Brandomil»8. A frase é importante: en 1883 xa se sabía que as minas eran romanas.
O século XX engadiu ao debate unha discusión lingüística sobre a evolución Grandimiro / Brandomil (orixe xermánica dos topónimos rematados en -mil fronte á base indoeuropea glan/gland, «canle fluvial», e a raíz mir/miro, referida a un río, na liña de Abelardo Moralejo Laso) e, sobre todo, un traslado do foco: investigadores como Fernando Acuña Castroviejo, Isidoro Millán González-Pardo, Xosé Luís Vázquez Gómez, Antonio Rodríguez Colmenero, Xosé Manuel Caamaño Gesto ou Juan Naveiro López recuperaron a idea dun asentamento viario como orixe de todo o poboamento romano de Brandomil9. A idea é coherente coas dúas pezas máis significativas que se coñecían: unha ara aos Lares Viais (protectores dos camiños, e sempre vinculados a vías de primeira orde) e un miliario anepígrafo conservado na propia aldea.
Convén dicilo claramente, porque condiciona todo o demais: as fontes itinerarias antigas (o Itinerario de Antonino, o Anónimo de Rávena, Ptolomeo) non son listas de cidades, senón de puntos de paso das vías principais. Identificar Brandomil con Grandimirum explica, como moito, que por aquí pasaba unha estrada importante. Non explica o que hai debaixo da aldea, que é bastante máis.
A Ponte Vella
A ponte desde augas arriba: o que se ve é a súa cara de montante. O tramo do Camiño Real aborda a ponte pola marxe esquerda.
A Ponte Vella foi durante séculos o único paso sobre o Xallas en moitos quilómetros á redonda, e seguiuno sendo para a estrada comarcal ata a construción do novo viaduto de formigón, uns metros ao norte, entre 1944 e 1947. É hoxe o elemento máis recoñecible de Brandomil e o seu principal reclamo visual.
A estrutura actual mide case 54 metros de longo e está orientada leste-oeste, cun lixeiro desvío cara ao sueste. Está realizada en cantería de moi boa calidade e aséntase sobre catro arcos con tallamares de tres metros de anchura. Os arcos teñen todos a mesma luz, 8,20 metros, agás o do leste, que mide 4,30. O detalle máis interesante é a dobre rosca que se observa no lado de augas arriba, onde a fábrica parece envolver outra máis antiga, posiblemente froito dunha ampliación10.
A documentación medieval é temperá e inequívoca. A Carta Puebla da vila de Muros, de 1286, delimita o territorio citando a «puente de Brandemir» sobre o que daquela se chamaba o río Sar e hoxe é o Xallas11. Na propia fábrica consérvanse cruces e outras marcas de canteiro, algunhas delas medievais, entre elas unha cruz enmarcada nun círculo nun dos espigóns12. Francisco Mérida Hermoso, nun artigo de 1980 na Revista de Obras Públicas, propuxera que a ponte romana orixinal fora remodelada arredor do século XII, polo que a clasificaba como románica13.
Agora ben: a ponte que nos chegou non ten as características dunha fábrica do século XIII, e moito menos anterior. A hipótese máis sólida é a dunha reconstrución do século XVI sobre un paso anterior, posibilidade que encaixa con dous conxuntos documentais distintos. Por unha banda, a fundación en 1532 do Morgado de Zas e Brandomil por Álvaro Núñez de Lamas, xusto nos límites do antigo Condado de Trastámara, acompañada de obras de certa entidade na ponte. Pola outra, as peticións de reparación de camiños presentadas ante a Real Audiencia e as Cortes Xerais do Reino entre 1534 e 1536, logo das catástrofes climáticas que asolaran o norte peninsular, nas que se queixan de que «a causa de las aguas de los años pasados, e por la poca cuenta que se tiene con la visitación e repaso de los caminos e fuentes de estos reinos, los trajineros e caminantes reciben grande fatiga e hacen gran arrodeo e costas e damnifica el comercio de las cosas»; entre 1542 e 1558 hai constancia de varias partidas da Coroa para reparar camiños e pontes en Galicia, pagadas coa metade das penas pecuniarias do Reino14.
A ponte é, ademais, un dos poucos elementos do interior da Costa da Morte que aparece sistematicamente na cartografía histórica. Figura no Theatrum Orbis Terrarum de Ortelius (no mapa do antigo Reino de Galicia publicado en 1603, considerado o primeiro mapa de Galicia, é o único paso representado sobre o Xallas), na Descriptio Galleciae et Asturiae in Hispania de Petrus Bertius (1616) e, xa no XIX, na Carta Xeométrica de Domingo Fontán (1834). Pasaron por ela peregrinos que deixaron testemuño escrito: Erich Lassota de Steblovo cita en 1584 a «ponte de Braudomil», e antes e despois fixeron o mesmo León von Rosmithal (1466), Nicola Popielovo (1484) ou os franciscanos Giacomo A. Naia (1717) e G. Lorenzo B. Vanti (1718)15. Os repertorios de camiños de Villuga (1546) e Alonso de Meneses (1576) recollen igualmente o Camiño Real de Santiago a Muxía que a atravesa16.
A riada de 1989 e a restauración: unha nota sobre as datas
Este é o punto no que a bibliografía dispoñible esixe algo de coidado, porque circulan polo menos tres datas distintas para a reconstrución da ponte e non todas poden ser certas.
A secuencia documentada é a seguinte. En decembro de 1989 unha gran riada derruba o arco central e os tallamares; ao abrirse a fábrica queda á vista o recheo interior, de moi mala calidade, feito de cachote pequeno e terra. Varios veciños atribuíron o colapso ás obras que se estaban a realizar daquela, e en particular ao reencintado das xuntas, que tería permitido que a auga da crecida entrase entre os perpiaños. En xuño de 1990 redáctase o proxecto titulado Memoria Valorada de las obras de restauración y preparación del Puente de Brandomil, asinado polos enxeñeiros Carlos Nárdiz, Segundo Alvarado e Manuel Durán, que xa estudaran a ponte en anos anteriores para encadrala cronoloxicamente, precisamente porque era evidente que a denominación de «ponte romana» non se correspondía coa realidade17. As obras non comezan ata a primavera de 1993, e durante a reconstrución, no outono dese mesmo ano 1993, vénse abaixo outro dos arcos ao ceder a balsa ou escolleira que desviaba as augas durante os traballos, co que se abate totalmente o que restaba dun tallamar. Despois, en 1997, o Concello de Zas promove un proxecto de acondicionamento do contorno fluvial redactado polo enxeñeiro Manuel Picos Veiga, ao que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural se opón radicalmente; esas obras non arrincan ata maio ou xuño de 200018.
A confusión vén de que o propio libro de referencia, nun resumo posterior, fala da ponte actual como «unha reconstrución case total de 1989»19. A data de 1989 corresponde á riada, non á reconstrución. Que as obras se executaron en 1993 está confirmado polo propio libro en dous lugares independentes (o relato do expediente e o pé da fotografía das obras, datada expresamente en 1993) e tamén pola memoria local, que as asocia ao programa do Xacobeo 93. Se alguén lembra ter lido un artigo de 1993 sobre a ponte, non hai contradición ningunha: 1993 é precisamente o ano no que a ponte estaba en obras e no que un segundo arco caeu durante os traballos, que é o tipo de cousa que xera prensa.
Da ponte primixenia, en calquera caso, non quedan restos. O que hoxe se ve é unha fábrica moderna sobre unha fábrica do XVI que, á súa vez, substituíu outra documentada no XIII. Pero a arqueoloxía recente confirma o que a historiografía intuía: aquí houbo un paso romano, porque romanas son as vías que chegan a el polas dúas marxes.
O Camiño Real e a vía romana
O camiño que atravesa Brandomil recibiu na documentación moderna o nome de Camiño Real de Negreira a Berdoias, e na memoria dos veciños o de Camiño Vello, Camiño Real ou, sen máis, Camiño Romano. Comunicaba a aldea cara ao sur e o leste con Negreira e Santiago pola Ponte Maceira, e cara ao norte e o oeste con Muxía, Corcubión e Fisterra pasando por Baíñas. Entraba na aldea desde a baixada de Acalabanda, cruzaba a ponte e metíase polas rúas estreitas ata a pracíña do cruceiro, onda a igrexa; de alí partía o Camiño do Trapeso cara ao norte e, cara ao oeste, o ramal principal, que foi a única saída da aldea nesa dirección ata o ensanche da estrada de 1944-1947, que obrigou a derrubar varias casas.
Consérvanse pouco máis de 1.100 metros deste camiño, e convén distinguir o que se escavou en cada extremo da aldea. O gran tramo empedrado posto á vista é o que aborda a Ponte Vella: localizouse en 2019 mediante cinco catas, escavouse nos anos seguintes e rematouse en 2023, e os seus directores sosteñen que non existe en toda Galicia outro Camiño Real descuberto nunha lonxitude e anchura semellantes, nin vinculado a restos dun pavimento romano na provincia da Coruña20. No extremo oposto, na Pedra do Altar, o que se interveu entre 2021 e 2023 é o Camiño Procesional e, baixo e ao seu carón, a vía romana propiamente dita. A memoria oral dos veciños de máis idade conserva aínda a imaxe dunha superficie lousada de boa calidade, con varios bueiros de limpeza das marxes que atravesaban o vial de leste a oeste. O mantemento corría a cargo dos chamados legoeiros. Cando deixou de ser camiño de primeira orde quedou cuberto de terra e maleza, usurpado na marxe leste por propiedades privadas, e a finais do século XX a creación da praia fluvial soterrou intencionadamente os primeiros 105 metros de camiño, aínda que por fortuna o recrecido do terreo non chegou a destruílo.
No outro extremo da aldea, na paraxe da Pedra do Altar, o que se conservou mellor non foi o firme, senón o trazado, e por un accidente catastral: a Concentración Parcelaria de 1968-1973 decidiu abandonar o camiño e abrir a pista asfaltada que hoxe discorre paralela a el, e o tramo vello quedou fosilizado dentro dunha parcela, que o empregou como acceso ás leiras do norte. A mesma operación que o retirou do uso foi a que o salvou, aínda que non saíse indemne: nesas mesmas datas desapareceron a «Pedra do Santo» e outra pedra chantada que marcaban a bifurcación dos ramais. Era o coñecido como «Camiño Sacramental», «Procesional» ou «da Misa», cun tramo de apenas 580 metros e dous ramais, o de Limideiro e o principal cara a Padreiro e, despois, Baíñas. Por el transitaban os enterros e as procesións da parroquia, e ese uso mantívose mesmo coa estrada nova xa aberta; de aí que a xente siga a falar hoxe do Camiño Procesional. O seu pavimento, en cambio, chegou en peor estado que o da Ponte Vella, por efecto de séculos de uso e dos parcheados continuos con pedras e refugallo cos que se combatía o enlamado do inverno, e o seu lateral sur apareceu cortado polo muro contemporáneo da finca21.
O que as campañas de escavación identificaron baixo e ao carón deste camiño procesional é unha vía de factura romana con estrutura de tipo glarea strata, a máis habitual entre as vías romanas da península. O pavimento é horizontal e está composto maioritariamente por pequenos elementos de seixo branco, beixe e gris, trabados entre si por area compactada con cal e saburras. Non é un detalle menor: a cor do pavimento é tan chamativa que destaca enormemente na paisaxe, nun intento evidente de facer visible o espazo de tránsito con respecto aos laterais, mesmo con penumbra. A presenza das mesmas gravas mineiras nos dous extremos da aldea, e de tégula romana nas cunetas e no contorno, é o indicio máis claro de que o Camiño Real moderno se limitou a reutilizar un trazado romano preexistente21.
A conclusión dos directores da intervención é que existen dúas vías superpostas: un trazado primixenio (a vía inferior, do século I da nosa era) e unha reforma posterior que o desvía cara ao leste en séculos seguintes. Esa superposición é, por si soa, un argumento de peso sobre a entidade do lugar: unha vía secundaria non se reforma, abandónase.
Canto á súa identificación cos itinerarios antigos, a discusión segue aberta e é, probablemente, a máis longa e acendida da arqueoloxía galega. O Itinerario de Antonino recolle tres vías principais na Galicia actual; as numeradas no século XIX como 19 e 20 son as máis antigas, fronte á Vía Nova ou 18, que dataría de arredor do ano 80 e foi supervisada pola daquela recentemente creada Legio VII Gemina22. A vía 20 é a per loca maritima, e é aí onde se quere situar Brandomil. Hai dous argumentos recentes que apoian unha cronoloxía temperá. O primeiro é a distribución da epigrafía funeraria vinculada á Legio X Gemina, que mimetiza o trazado proposto para a vía 20 por autores como Caamaño Gesto e Naveiro López: dous epígrafes en Caldas de Reis, un en Cícere (Santa Comba, a escasa distancia de Brandomil), outro en San Román de Cervantes e outro na base da Torre de Hércules. O segundo é a identificación, nos últimos anos, dun máis que probable campamento lexionario romano en Monte Cornado (Negreira), a pouca distancia de Brandomil e aos pés do mesmo camiño23. Se esa lectura é correcta, estariamos ante un eixe viario vinculado aos primeiros momentos da dominación romana do occidente coruñés, anterior á Legio VII e relacionado coas Guerras Cántabras e co movemento da Legio X cara ao ano 63.
O ouro: a minería antiga
O Xallas augas abaixo de Brandomil, preto de Vilarcobo, xa no tramo final cara á desembocadura. A escasa distancia deste punto ábrense as trincheiras mineiras de Vilarcobo.
O contorno das Minas de Vilarcobo. As trincheiras antigas son hoxe case invisibles baixo o mato.
Brandomil está sobre o contacto entre a base esquistosa do Complexo Malpica-Tui e as áreas do Complexo Granitoide de Baio. Entre ambas discorre unha banda mineralizada (a banda blastomilonítica Busto-Limideiro) con rutilos aluviais, cuarzo, ouro, estaño e wolframita, en filóns de escaso grosor pero gran lonxitude, que suman arredor de 200 km² de superficie. Cada unha das cizallas detectadas nesa banda coincide cun punto de explotación de época romana24. O ouro aparece entre arsenopiritas, en partículas de entre 8 e 50 micras: non serve para unha explotación intensiva, pero si para unha extensiva, que é exactamente o que Roma sabía facer.
Esa é a segunda razón de ser de Brandomil, e probablemente a primeira en orde de importancia. O noroeste peninsular foi a gran provincia aurífera do Imperio durante os séculos I a III (así o di Plinio o Vello a mediados do século I) e as formas de explotación van desde os grandes depósitos secundarios tipo As Médulas ata as explotacións primarias con galerías ou cortas, como Corcoesto, a poucos quilómetros de aquí.
No contorno inmediato de Brandomil identificáronse varios puntos de explotación antiga: as Minas de Vilarcobo, as Fosas de Vila, as Fosas de Meanos, a mina Nueva Esperanza (en Meanos, Zas), As Covas (nos Fornos, Santa Comba) e, sobre todo, os dous conos mineiros do Pozo de Limideiro, a pouco máis dun quilómetro ao nornoroeste da aldea.
O cono principal do Pozo de Limideiro, hoxe asolagado.
O Pozo de Limideiro é unha das poucas minas romanas a ceo aberto que se conservan no noroeste. O cono principal mide 80 por 35 metros e ten 15 metros de altura ata a lámina de auga, con estruturas aterrazadas ao norte; por riba del está o chamado Pozo Pequeno, de 40 por 30 metros e ata 8 metros de profundidade. O cono principal está hoxe totalmente asolagado e foi usado durante décadas como vertedoiro; o mato impide apreciar a súa forma desde o chan. Desde o aire, en cambio, a planta elíptica da corta lese sen esforzo.
A mesma corta en vertical. A forma, imposible de apreciar desde o chan, delátase desde o aire.
A historia moderna destas minas é case tan interesante como a antiga, e ten a vantaxe de estar ben documentada. Arredor de 1878 chega a Galicia o enxeñeiro de minas inglés J. J. Rosewarne, primeiro como responsable da mina de Corcoesto (Ponteceso), onde xunto con Henry Altken localiza as cortas romanas, sondea sobre elas e funda a Sagasta Gold Mines Ltd. con capital inglés. O seu método de prospección consistía, literalmente, en buscar evidencias de minería romana. Rosewarne instálase en Zas a finais do século XIX e adquire títulos de explotación na zona; en 1887 Frederick Hyde abre a mina San Nicolás no propio Brandomil. Da correspondencia de Rosewarne e do seu colaborador Hugh Sandys, publicada recentemente, procede unha descrición que non deixa lugar a dúbidas:
«Los tres filones principales discurren paralelos en dirección NE-SO y fueron explotados de antiguo, previsiblemente por los romanos, mediante grandes trincheras que alcanzaron una profundidad de entre 10 y 17 metros, y una longitud de entre 250 y 400 metros. […] Estos filones los trabajaron por largo tiempo los antiguos romanos, probablemente en la época a la que se refiere Plinio»25.
Unha das trincheiras de Vilarcobo. A depresión alongada que cruza o centro da imaxe é o que resta da explotación.
Explotando a mina Nueva Esperanza localizaron galerías subterráneas que aínda conservaban o entibado romano, como xa acontecera nun filón dos Fornos. Houbo tamén actividade no século XIX no propio Limideiro: entre 1884 e 1898 traballouno a compañía inglesa Montes de Oro, e a comezos do XX retomou o filón a Eureka Gold. Da memoria desa época quedan testemuños directos: algúns veciños participaron no acarreo do mineral desde o fondo do cono mineiro ata a superficie, con carros de bois. O abandono definitivo veu da subida do nivel freático a través das vellas galerías romanas que os ingleses atoparan nos seus sondeos. Para rematar de encadrar a longa duración da explotación, un documento do Arquivo Histórico da USC datado en 1562 rexistra o poder outorgado ante o notario de Noia Melchor Mariño para rexistrar «las minas de plata que hemos hallado […] en San Martiño de Meaños, San Pedro de Brandomil y en Santa María de Ordoeste»26.
Hai, finalmente, un detalle que amarra a mina coa vía e que me parece o achado conceptual máis elegante de toda a investigación recente. Nos anos noventa desapareceu, coa apertura de pistas, a gran entulleira de residuos de lavado do Pozo de Limideiro; no que queda dela aínda se ven moitos seixos de cuarzo e outras rochas idénticas ás que forman a glarea da calzada romana. Nas paredes verticais non asolagadas da corta, entre os diques de sílice, aparecen esquistos brancos e grises iguais aos da entulleira, aínda que con arestas vivas, por non teren sido sometidos ao aluvión mineiro. Esas rochas non existen en ningún outro punto da parroquia nin en moitos quilómetros á redonda. Dito doutro xeito: a calzada de Brandomil está pavimentada coa ganga da mina27. A vía, o asentamento e a explotación aurífera non son tres feitos que coincidan nun lugar; son o mesmo feito.
O castro
O castro, hoxe baixo arboredo, inserido na propia aldea entre a Ponte Vella e a igrexa parroquial.
O terceiro elemento do conxunto é un gran castro da Idade do Ferro situado xusto á saída da Ponte Vella, entre esta e a igrexa parroquial. Non está escavado arqueoloxicamente, pero durante décadas apareceron na súa superficie, logo do paso do arado, abundantes cerámicas de aspecto indíxena encadrables na área setentrional da olería castrexa, así como varios muíños circulares (durmintes e moventes) que os propietarios da croa acumulaban nas marxes das fincas como refugallo.
O castro e o Xallas nunha mañá de néboa. O emprazamento, nun meandro e en chaira, é atípico para un castro antigo.
O seu emprazamento, nun meandro do río e en chaira, en lugar dos altos ou dos afloramentos rochosos habituais, apunta a un momento serodio da Cultura Castrexa, e abre a posibilidade dunha duplicidade de hábitat xa en época romana nos sectores máis achairados do recinto. Os paralelos máis próximos son os castros da provincia de Lugo e do Bierzo que datan das primeiras décadas de ocupación romana do noroeste, moi vinculados ás colonias de mineiros que explotan os filóns28. Nada diso se poderá confirmar sen intervención arqueolóxica.
Ao castro vincúlase, ademais, o achado epigráfico máis singular do lugar. De Brandomil proceden tres ou catro aras dedicadas ao deus Coso, divindade do panteón galaico tradicionalmente equiparada con Ares e con Marte, nunha lectura (a de José María Blázquez, reafirmada por Blanca García Fernández-Albalat) que interpretaba o «M» da ara COSO M como MARTI29. Esa equiparación está hoxe en revisión: Blanca Prósper propuxo relacionar o teónimo coa palabra divinizada latina CONSVS, vinculada ás asembleas e a lugares elevados ou aterraplanados rodeados por cursos fluviais, o que levaría a unha idea menos divinizada e máis topográfica do vocábulo30. A última descuberta apunta nunha dirección aínda máis concreta: a lectura COSO MAELOBRIGO, que podería conter o propio nome do castro veciño, a cidade de Maelo. De confirmarse, sería o primeiro castro con nome coñecido do Conventus Lucensis. En calquera caso, e isto si é un dato firme, unha parte significativa de todas as mencións ao deus Coso de todo o Imperio Romano procede desta aldea.
A Pedra do Altar
A área musealizada da Pedra do Altar. Á dereita, a cuberta que protexe o sector escavado da domus.
O Proxecto Arqueolóxico da Fundación Brandomil arrincou en 2019 polo sitio máis obvio: o camiño. Executáronse cinco catas no espazo que ata os anos noventa ocupara o Camiño Vello, á beira da praia fluvial, e confirmouse a existencia do vial e a súa relación cun paso sempiterno sobre o río. Nos anos seguintes o foco trasladouse á outra banda, xa dentro do perímetro urbano que os investigadores do século XX atribuían á vila romana.
Ao longo de 2020 e 2021 a Fundación fíxose coa propiedade de varias fincas nun espazo axial da aldea coñecido como A Pedra do Altar, paraxe onde os veciños conservan a tradición oral do emprazamento da igrexa vella, anterior á actual (barroca, dos séculos XVII ou XVIII) e da que hai referencias desde o século XII. Esas mesmas achegas orais falaban de restos soterrados que afloraban cos traballos agrícolas e dun tesouro de varias pezas de ouro aparecido durante a apertura de pistas na Concentración Parcelaria e vendido en Madrid polo seu posuidor final.
En 2021 realizáronse cinco sondaxes que identificaron un camiño antigo con pavimento de grava e saburra de tipo glarea, pavimentos de opus signinum e estruturas romanas acaroadas á vía. A escavación en área da Fase III deixou á vista o conxunto que hoxe se pode visitar: retiráronse ou identificáronse 90 unidades estratigráficas e definíronse sete estancias do que semella, polo de agora, unha domus de certa suntuosidade, que se prolonga claramente máis alá da área escavada.
A arquitectura é de calidade: muros de opus quadratum con algún láter a modo de testaceum, aparello de soga e tizón, e pequenas gabias perimetrais con tégulas do revés en cada un dos esquinais, que só se poden interpretar como un sistema de recollida das augas dos tellados. Todas as estancias apareceron cubertas por derrubas sincrónicas de pedras, tégulas e arxilas, e sobre os pavimentos había potentes capas de carbón, especialmente concentradas no contorno das portas: houbo lume no colapso. A escaseza de materiais sobre os pisos apunta, en cambio, a un abandono pouco traumático, no que os habitantes levaron canto consideraron.
A cronoloxía foi establecida por radiocarbono, algo pouco frecuente nos xacementos romanos do noroeste. Recolléronse seis mostras, descartáronse dúas por posible contaminación e datáronse por AMS os depósitos de queimado das Estancias 2 e 4, separados por case 0,76 metros de profundidade polo derrubo da domus; a selección do material correu a cargo da doutora María Martín Seijo (CSIC), que escolleu un anaco de carballo (quizais dunha viga) para a Estancia 4 e carbón de toxo ou xesta para a Estancia 2. Os resultados, do laboratorio Beta Analytic de Miami, son estes:
- Beta-686540 (Estancia 4): 1880 ± 30 BP, calibrado en 110-263 cal AD cunha probabilidade do 90,3 %, e un 5,1 % para o rango 81-98 cal AD.
- Beta-686539 (Estancia 2): 1850 ± 30 BP, cun 94,3 % de probabilidade para o rango 120-248 cal AD e un 1,1 % para unha data tan distante como 298-30631.
As dúas datacións difiren en apenas trinta anos e sitúan o momento do incendio entre finais do século I e mediados do II, en coherencia cos materiais recuperados sobre os pavimentos de opus signinum (entre eles formas evolucionadas de terra sigillata hispánica 15/17). Convén lembrar que a curva de calibración IntCal20 presenta amesetados importantes neste tramo, polo que a precisión é limitada32.
En xuño de 2023 interveuse o Agro de Pedra do Altar, a 132 metros lineais do sector anterior, retomando uns traballos que J. Naveiro López deixara sen rematar en 2007. Apareceu unha estancia muraria con pavimento de opus signinum e, baixo ela, outros muros a cotas inferiores: unha superposición de estruturas ata entón descoñecida, con material cerámico abundante e vaixela de luxo. A distancia entre os dous sectores escavados, coa mesma orientación e factura, é o argumento máis forte a favor de que aquí non houbo unha villa illada nin unha parada de posta, senón unha trama urbana.
Despois do libro: 2024-2026
O libro que serve de base a este artigo pechouse coas campañas de 2023 e, honestamente, autodefínese como «tan ansiado como provisional». Convén, daquela, actualizalo, porque desde a súa publicación pasaron dous anos e medio de traballo de campo:
- Agosto de 2024. Cuarta fase de escavacións, dirixida de novo por Lino Gorgoso, orientada a delimitar a domus localizada no verán anterior33.
- 2025. A Fundación retoma os traballos cunha campaña de prospección xeofísica non invasiva en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), empregando gradiómetro, xeorradar, teledetección por infravermellos e dron LIDAR multiespectral. O obxectivo é cartografar o soterrado antes de decidir onde escavar; os resultados, presentados en outubro dese ano polos investigadores do Incipit, localizaron unha cantidade considerable de restos34.
- Novembro e decembro de 2025. Catas manuais no sector do Agro de Pedra do Altar, que localizan numerosos muros de época romana excepcionalmente ben conservados, con materiais asociados de entre 1.900 e 1.800 anos de antigüidade. Os restos foron soterrados preventivamente á espera de poder poñelos en valor35.
- Febreiro de 2026. Anúnciase un programa de analíticas arqueobotánicas e palinolóxicas en colaboración co CSIC, para reconstruír a paisaxe vexetal e os cultivos do contorno do Xallas a finais do século I a partir de pole, sementes e sedimentos dos niveis de carbón. Os resultados están pendentes36.
- Agosto de 2026. Remata a consolidación do Camiño Real no treito do Camiño da Ponte Vella: 83,81 metros de vía histórica e 374,86 m² de superficie, con consolidación do lousado e dos laterais, mellora da drenaxe e recuperación dos bueiros e das beiras, baixo criterios de mínima intervención, reversibilidade e uso de materiais compatibles cos orixinais. Non se reconstruíron os puntos dos que non había información suficiente, decisión que merece ser subliñada37.
Cómpre sinalar tamén o que non hai. A día de hoxe non me consta ningunha publicación científica revisada por pares sobre as campañas de 2019-2024: as memorias técnicas están depositadas na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia38 e a divulgación canalízase a través do libro de 2024, das visitas guiadas e da prensa comarcal. Para un xacemento que se está a comparar cos mellores do noroeste peninsular, é unha eiva que convén resolver.
Valoración final
Das lecturas e das visitas que están detrás deste texto extraio tres conclusións, e unha dúbida.
A primeira é que Brandomil non se entende sen a mina. Durante douscentos anos discutiuse se aquí estaba ou non unha mansio do Itinerario de Antonino, e o debate consumiu máis tinta ca calquera outro asunto da arqueoloxía galega. Pero unha mansio é unha consecuencia, non unha causa: ninguén funda un asentamento urbano de vinte hectáreas para dar de beber aos cabalos do correo imperial. A causa está a un quilómetro, no Pozo de Limideiro, e a proba material é que o pavimento da calzada está feito cos residuos de lavado da propia corta. Roma veu polo ouro; a vía e o paso do río son infraestrutura da extracción.
A segunda é que a datación cambia a escala do problema. Dúas datas de radiocarbono que sitúan o incendio das estancias entre finais do século I e mediados do II, materiais cerámicos procedentes de Italia, Francia, Túnez, A Rioxa, Cádiz, Braga ou Lugo, dúas vías superpostas e unha extensión estimada de preto de vinte hectáreas (fronte ás catro ou cinco que se calculaban a comezos deste século) describen algo que non é un aglomerado secundario. A pregunta xa non é se Brandomil era unha parada no camiño, senón que tipo de núcleo era e por que desapareceu. Sobre isto último, a hipótese que manexan os escavadores (unha ruptura abrupta da última ocupación que podería encadrarse no século V, en coincidencia coa chegada dos suevos ao noroeste) é suxestiva, pero hoxe por hoxe segue sendo iso, unha hipótese.
A terceira, e a que máis me interesa como arquiveiro, é metodolóxica. O caso de Brandomil é unha demostración incómoda de canto pesa a historiografía herdada: desde Magniez (1721) ata finais do século XX, practicamente toda a discusión sobre o lugar fíxose sobre textos, mapas e etimoloxías, nunha cadea de citas na que cada autor reafirmaba ao anterior sen que ninguén metese a pa. As primeiras intervencións arqueolóxicas son de 2007-2008, da man de Naveiro López, e quedaron inconclusas; o primeiro programa sistemático de escavación arranca en 2019. Tres séculos de bibliografía produciron un debate toponímico; un lustro de traballo de campo produciu unha domus, dúas vías, noventa unidades estratigráficas e dúas datacións absolutas. Non é un argumento contra a erudición documental (sen Cornide, López Ferreiro ou Pedro Rodríguez non habería nin sequera un sitio que escavar), senón un recordatorio de que as fontes escritas sobre a Antigüidade responden ás preguntas que elas mesmas formulan, e só a esas.
A dúbida é a de sempre: canto se perdeu. Entre os perpiaños reutilizados nos alpendres que describía Pedro Rodríguez en 1883, as columnas que acabaron en coleccións privadas, as pezas que foron alimentar as salas da Exposición Rexional de 1909, o tesouro de ouro aparecido coa concentración parcelaria e vendido en Madrid, os 105 metros de calzada soterrados pola praia fluvial e os dous arcos da ponte que caeron (un pola riada e outro polas obras que había que facer precisamente por causa da riada), o inventario das perdas é probablemente máis longo que o dos achados. Que unha parte substancial do xacemento siga baixo as leiras, intacta porque ninguén chegou aínda a ela, é hoxe a mellor noticia que se pode dar sobre o Brandomil afundido.
Bibliografía
- ACUÑA CASTROVIEJO, Fernando, Mosaicos romanos de Hispania Citerior. II. Conventus Lucensis, Studia Archaeologica, nº 24, Santiago de Compostela / Valladolid, 1973.
- ALVARADO BLANCO, Segundo, DURÁN FUENTES, Manuel e NÁRDIZ ORTIZ, Carlos, Pontes históricas de Galicia, Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos / Xunta de Galicia, 1989.
- BLÁZQUEZ MARTÍNEZ, José María, Religiones primitivas de Hispania. I. Fuentes literarias y epigráficas, Madrid, CSIC, 1961.
- CONTADOR DE ARGOTE, Jerónimo, Memorias para a historia eclesiástica do arcebispado de Braga, primaz das Hespanhas, Lisboa, 1732, Libro II, cap. XII.
- CORNIDE SAAVEDRA, José, Comentario a la parte del Itinerario de Antonio en que se describen las vías militares de España, 1795, ms. 9/3895, Archivo de la Real Academia de la Historia, Madrid.
- CUNTZ, Otto, Volumen prius: Itineraria Antonini Augusti et Burdigalense, Leipzig, Universidade de Leipzig, 1927.
- FERREIRA PRIEGUE, Elisa, «Los caminos medievales de Galicia», en Boletín Auriense, Anexo 9, Ourense, 1988.
- GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, Blanca, Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Sada, Edicións do Castro, 1990.
- GORGOSO LÓPEZ, Lino e VIGO GARCÍA, Abel, Brandomil. Vila soterrada, Zas, Fundación Brandomil, 2024.
- GORGOSO LÓPEZ, Lino, Intervención Arqueolóxica en Brandomil e Contorna. Zas (A Coruña), memoria técnica depositada na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Xunta de Galicia, 2019 (e memorias sucesivas de 2022, 2023 e 2024 sobre o Camiño de Pedra do Altar, o Agro de Pedra do Altar, o Castro de Brandomil e o Camiño da Ponte Vella).
- LABRADA, Lucas, Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, 1804.
- LÓPEZ FERREIRO, Antonio, Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago, vol. I, Santiago de Compostela, 1898 (ed. Sálvora, 1983).
- MAGNIEZ, Nicolas, Novitius, seu Dictionarium Latino-Gallicum, París, 1721 (reeditado en 1733 e 1750).
- MENESES, Alonso de, Repertorio de Caminos, 1576 (ed. do Ministerio de Educación y Ciencia, Madrid, 1976).
- MÉRIDA HERMOSO, Francisco, «Puentes de la Provincia de La Coruña», en Revista de Obras Públicas, 1980.
- MORALEJO LASO, Abelardo, Toponimia gallega y leonesa, Santiago de Compostela, Pico Sacro, 1977.
- NAVEIRO LÓPEZ, Juan, Informe final valorativo da Intervención arqueolóxica en Brandomil, Xunta de Galicia, 2008.
- PAGÉS VALCARLOS, José Luis, «Exploración de mineralizaciones auríferas en la banda milonítica Busto-Limideiro (Santa Comba, La Coruña)», en Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, nº 17, 1992, pp. 349-362.
- PAGÉS VALCARLOS, José Luis e CHAMBOLLE, P., «Marco geológico de las mineralizaciones auríferas del W de Santa Comba (A Coruña)», en Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, nº 12, 1988, pp. 261-271.
- PEREIRA MENAUT, Gerardo, Corpus de inscricións romanas de Galicia. I. Provincia de A Coruña, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 1991.
- PRÓSPER, Blanca María, «La divinidad paleohispana Cossue/Coso y el dios itálico Consus», en AION, 1997, pp. 267-302.
- PRÓSPER, Blanca María, Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica, Salamanca, Universidad de Salamanca, 2002.
- REIMER, Paula J. et al., «The IntCal20 Northern Hemisphere Radiocarbon Age Calibration Curve (0-55 cal kBP)», en Radiocarbon, vol. 62, 2020, pp. 725-757.
- RODRÍGUEZ SUÁREZ, Mª P. e VÁZQUEZ BARTOMEU, M., Brandomil na Historia: un couto de mulleres, Zas, Fundación Brandomil, 2021.
- RODRÍGUEZ Y RODRÍGUEZ, Pedro, «Grandimirum», en Galicia Diplomática, II, nº 18, 1883.
- VILAR ÁLVAREZ, Manuel, Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora, 2019.
- WESSELING, P., Vetera Romanorum Itineraria sive Antonini Augusti Itinerarium, Ámsterdam, 1735.
Footnotes
-
GORGOSO LÓPEZ, Lino e VIGO GARCÍA, Abel, Brandomil. Vila soterrada, Zas, Fundación Brandomil, 2024. O volume presentouse no Museo do Pobo Galego o 4 de abril de 2024 e recolle as intervencións realizadas entre 2019 e 2023. Salvo indicación en contrario, os datos arqueolóxicos deste artigo proceden desta obra. ↩
-
Ibídem, limiar. A cita completa é: «eran conscientes de que baixo os seus pés existía outro mundo, o que eles chamaban ‘o Brandomil afundido’, na crenza de que as casas romanas non esmoreceran co paso dos tempos ata cubrirse de terra, senón que algunha forza descoñecida do pasado fixera que se afundiran por debaixo dela». ↩
-
MAGNIEZ, Nicolas, Novitius, seu Dictionarium Latino-Gallicum, París, 1721. O exemplar conservado procede da edición de 1750 e custódiase na British Library. Citado en GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 14. ↩
-
CONTADOR DE ARGOTE, Jerónimo, Memorias para a historia eclesiástica do arcebispado de Braga, primaz das Hespanhas, Lisboa, 1732, Libro II, cap. XII, pp. 418-419. O autor rexeita a identificación («o que me parece falso») por considerar que as distancias do Itinerario non cadran, e propón situar Grandimiro na raia do Padrón. ↩
-
CORNIDE SAAVEDRA, José, Comentario a la parte del Itinerario de Antonio…, 1795, ms. 9/3895, Archivo de la Real Academia de la Historia, Madrid; LABRADA, Lucas, Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, 1804. No Mapa Coreográfico de Cornide (1790), seguindo a Ptolomeo, Claudiomerium sitúase en Brandomil ou no seu contorno inmediato. ↩
-
LÓPEZ FERREIRO, Antonio, Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago, vol. I, Santiago, 1898. Trátase da IV vía militar de Braga a Astorga, numerada como vía XX por Saavedra. As formas rexistradas son Grandimiro e Glandomiron en Ptolomeo e Glandimarium no Anónimo de Rávena. ↩
-
RODRÍGUEZ Y RODRÍGUEZ, Pedro, «Grandimirum», en Galicia Diplomática, II, nº 18, 1883. Recollido en GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 16. ↩
-
Ibídem, p. 16. As moedas, unha romana sen clasificar e outra visigoda, parecen ter entrado finalmente na colección da Real Academia da Historia. ↩
-
Ibíd., p. 17. Para o estado da cuestión sobre a discusión toponímica véxase MORALEJO LASO, Abelardo, Toponimia gallega y leonesa, Santiago de Compostela, Pico Sacro, 1977. Sobre o suposto pavimento musivario localizado entre A Pedra do Altar e Padreiro, hoxe interpretado máis ben como opus signinum, véxase ACUÑA CASTROVIEJO, Fernando, Mosaicos romanos de Hispania Citerior. II. Conventus Lucensis, Santiago / Valladolid, 1973. ↩
-
GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 28. ↩
-
Carta Puebla da vila de Muros, 1286, citada en FERREIRA PRIEGUE, Elisa, «Los caminos medievales de Galicia», Boletín Auriense, Anexo 9, Ourense, 1988, p. 141. O río aparece mencionado como «el río Sar», denominación daquela do actual Xallas no seu tramo final. ↩
-
Ibídem, p. 31, recollendo a súa vez ALVARADO BLANCO, S. et al., op. cit., p. 214, onde se sinala que na ponte aparecen marcas medievais e, nun dos espigóns, unha cruz enmarcada nun círculo. ↩
-
MÉRIDA HERMOSO, Francisco, «Puentes de la Provincia de La Coruña», Revista de Obras Públicas, 1980. Mérida clasifica a ponte como romano-románica, datando a primeira remodelación da fábrica romana orixinal arredor do século XII. ↩
-
GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 30. Sobre a vinculación do couto co Convento de Santa Clara de Santiago e coa xurisdición da Casa de Altamira, véxase RODRÍGUEZ SUÁREZ, Mª P. e VÁZQUEZ BARTOMEU, M., Brandomil na Historia: un couto de mulleres, Zas, Fundación Brandomil, 2021. ↩
-
VILAR ÁLVAREZ, Manuel, Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora, 2019. ↩
-
MENESES, Alonso de, Repertorio de Caminos, 1576 (ed. do Ministerio de Educación y Ciencia, Madrid, 1976). ↩
-
ALVARADO BLANCO, Segundo, DURÁN FUENTES, Manuel e NÁRDIZ ORTIZ, Carlos, Pontes históricas de Galicia, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos / Xunta de Galicia, 1989. A Memoria Valorada de las obras de restauración y preparación del Puente de Brandomil (xuño de 1990) consérvase, xunto cos informes de seguimento das obras, no Arquivo de Galicia. ↩
-
PICOS VEIGA, Manuel, Proyecto de acondicionamiento del contorno natural del Puente Romano de Brandomil, 1997, Arquivo de Galicia. A oposición da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xerou varias modificacións do proxecto antes da autorización definitiva. ↩
-
GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 33. A contradición coa propia secuencia exposta na p. 29 e co pé da FIG. 21 («imaxe das obras de restauración da Ponte Vella en 1993») indica que se trata dun lapso: 1989 é a data da riada. ↩
-
GORGOSO LÓPEZ, Lino, memorias técnicas depositadas na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (2019, 2022, 2023 e 2024). A valoración sobre a singularidade do tramo descuberto xunto á Ponte Vella, en GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 70. Para o Camiño Real e a vía inferior na Pedra do Altar, ibídem, pp. 47 e 92. ↩
-
GORGOSO e VIGO, op. cit., pp. 46-47. Para o estado do firme no tramo da Pedra do Altar e o corte do seu lateral sur polo muro da finca, ibídem, p. 92; para a desaparición da «Pedra do Santo» coa concentración parcelaria, p. 47. ↩ ↩2
-
A numeración das vías do Itinerario non é antiga: debeuse ao investigador P. Wesseling, que en 1735 as numerou, aínda que para a Península Ibérica se consagrou a descrición de Eduardo Saavedra (1862), que emprega números arábigos e non latinos. Véxase WESSELING, P., Vetera Romanorum Itineraria, Ámsterdam, 1735, e CUNTZ, Otto, Volumen prius: Itineraria Antonini Augusti et Burdigalense, Leipzig, 1927. ↩
-
GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 51. Para a epigrafía romana da localidade, véxase PEREIRA MENAUT, Gerardo, Corpus de inscricións romanas de Galicia. I. Provincia de A Coruña, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 1991. ↩
-
PAGÉS VALCARLOS, José Luis, «Exploración de mineralizaciones auríferas en la banda milonítica Busto-Limideiro (Santa Comba, La Coruña)», Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, nº 17, 1992, pp. 349-362; e PAGÉS VALCARLOS, J. L. e CHAMBOLLE, P., «Marco geológico de las mineralizaciones auríferas del W de Santa Comba (A Coruña)», Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, nº 12, 1988, pp. 261-271. ↩
-
Correspondencia de J. J. Rosewarne e Hugh Sandys (1908-1921), publicada por Tuñas en 2022 e citada en GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 53. Os datos desta documentación foron empregados máis tarde por Isidro Parga Pondal para a localización de filóns de estaño e volframio na comarca. ↩
-
Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela, documento de 1562, notario de Noia Melchor Mariño; poder outorgado a Juan de Moreira e Alberte das Tousas, veciños de Olveira. Citado en GORGOSO e VIGO, op. cit., p. 54. ↩
-
Ibídem, pp. 55 e 127. ↩
-
Ibíd., p. 24. ↩
-
BLÁZQUEZ MARTÍNEZ, José María, Religiones primitivas de Hispania. I. Fuentes literarias y epigráficas, Madrid, CSIC, 1961; GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, Blanca, Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Sada, Edicións do Castro, 1990. A ara de COSO M consérvase no Museo da Catedral de Santiago. ↩
-
PRÓSPER, Blanca María, «La divinidad paleohispana Cossue/Coso y el dios itálico Consus», AION, 1997, pp. 267-302, e Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica, Salamanca, 2002, pp. 250-252. ↩
-
GORGOSO e VIGO, op. cit., pp. 116-117. As datacións realizáronse no laboratorio Beta Analytic (Miami) por AMS. ↩
-
REIMER, Paula J. et al., «The IntCal20 Northern Hemisphere Radiocarbon Age Calibration Curve (0-55 cal kBP)», Radiocarbon, vol. 62, 2020, pp. 725-757. ↩
-
«Comeza a cuarta fase das escavacións», El Correo Gallego, 23 de agosto de 2024; «Novas escavacións en Brandomil dirixidas por Lino Gorgoso», Adiante Galicia, 23 de agosto de 2024. ↩
-
«Comeza unha nova campaña arqueolóxica», El Correo Gallego, 20 de maio de 2025; «Avances en la investigación arqueológica del CSIC en la Pedra do Altar de Brandomil», Diario de Bergantiños, 26 de outubro de 2025. ↩
-
«Hallan en Brandomil muros de época romana», El Correo Gallego, 23 de novembro de 2025; «O Brandomil romano seduce aos visitantes», El Correo Gallego, 21 de abril de 2026. ↩
-
«A arqueobotánica en Zas busca a árbore perdida», El Correo Gallego, 17 de febreiro de 2026. As analíticas desenvólvense en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC) e impúlsaas a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. ↩
-
«O Concello de Zas consolida o Camiño Real, antiga vía romana de Brandomil», Adiante Galicia, 13 de agosto de 2026. A actuación incluíu tamén a restauración do antigo lavadoiro próximo á Pedra do Altar, substituíndo o cemento e a uralita por madeira e tella. ↩
-
Véxase a nota 20. A situación non é excepcional na arqueoloxía galega de xestión, pero si chamativa nun xacemento desta entidade. ↩